Monday 29 de April de 2024

Santiago Freire plantéxalle a Núñez Feijoo a mellora dos accesos a Noia por Orro e a creación dunha rotonda no cruce da Barquiña


 

O alcalde agradece “a boa receptividade e colaboración amosada polo presidente aos proxectos presentados, algúns de execución inminente e outros a máis longo prazo”

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, mantivo onte venres unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, na que aproveitou para tratar de axilizar varios investimentos comprometidos e conveniados pero que están pendentes de execución, así como para presentar novas iniciativas. Freire Abeijón agradece “a boa receptividade e colaboración amosada polo presidente da Xunta de Galicia aos proxectos presentados, algúns deles de execución inminente, como o alumeado da ponte sobre a Ría, e outros a máis longo prazo”.

O alcalde de Noia plantexoulle ao presidente da Xunta a necesidade de humanizar e aumentar a seguridade viaria nos accesos á vila. Neste sentido, Núñez Feijoo confirmoulle que nos próximos días procederase á adxudicación das obras de mellora, reurbanización e humanización da estrada AC-311, entre os puntos quilométricos 2,800 e 3,120 (entre a gasolineira e a capela de San Bernardo). Unha obra que saíu cun prezo de licitación de 267.967,58 euros e un prazo máximo de execución de 4 meses.

Un punto no que o alcalde aproveitou para solicitar o apoio da Xunta á mellora doutro dos accesos a Noia, concretamente dende o corredor Brión-Noia, a través da estrada AC-550 por Orro. “Plantexeille ao presidente que moitos vehículos empregan esta estrada para acceder a Noia e que é necesario mellorar as beirarrúas e a capa de rodadura dese acceso dende o final do corredor a Noia, por Orro”, explica Santiago Freire, quen sinala que “se se fan estas melloras, dende o Concello estaríamos dispostos a asinar un convenio de colaboración para asumir a titularidade dese tramo”.

Cruce da Barquiña

Tamén en materia de estradas, o alcalde de Noia explicoulle ao presidente da Xunta da necesidade de construír canto antes unha glorieta nesa mesma estrada AC-550, no cruce da Barquiña. Unha intersección na que o Concello de Noia xa actuara no 2016 para habilitar un carril de espera que minorase os numerosos sinistros que se rexistraban neste punto. Unha actuación que contribuiría a mellorar a seguridade viaria nesta zona.

Así mesmo, Núñez Feijoo anuncioulle ao alcalde noiés que nas próximas semanas darán comezo as obras para iluminar a ponte sobre a ría a variante de Noia, que suporá un investimento de máis de 325.000 euros e que mellorará o alumeado actual da contorna da ponte e dará maior visibilidade a esta infraestrutura.

Finalmente, o alcalde de Noia aproveitou tamén para pedirlle ao presidente a axilización do proxecto de conexión entre a AC-311 e a DP-4202, comprometidas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda para dar continuidade á vía de conexión do núcleo de Portobravo (Lousame) con Sampaio (Noia). Santiago Freire salienta que “mellorará as conexións interiores cara Noia, xa que funcionará como unha circunvalación de Noia, sobre todo para a veciñanza de San Lázaro e do Couto, que poderán saír cara Santiago sen ter que pasar polo casco urbano”.

“O presidente explicou que este proxecto suporá a construción dun viaduto sobre o río para poder conectar ambas estradas, polo que se vai encargar un estudo técnico para valorar o seu custe e despois valorarán os pasos a seguir”, explica Freire Abeijón.

Saneamento e abastecemento

O alcalde de Noia tamén aproveitou para solicitar a axilización dos proxectos de mellora do abastecemento e saneamento no municipio. “Trasladeille ao presidente a necesidade de activar esta intervención canto antes. Un proxecto no que a Xunta investirá 900.000 euros e que permitirá construír un depósito de maiores dimensións que garanta o subministro de auga e mellorar os sistemas de potabilización para solucionar os problemas de turbidez que en ocasións se producen cando hai fortes choivas”, explica Santiago Freire. Unhas necesidades que tamén trasladou á rede de saneamento.

Neste punto, o presidente da Xunta confirmoulle ao alcalde noiés que seguirán acometendo actuación de rexeneración da ría, o que Santiago Freire aproveitou para trasladarlle a necesidade de avanzar tamén na mellora da fachada de Noia. “Unha vez que Patrimonio xa nos deu o visto bo, é preciso executar o proxecto de reforma da fachada marítima para habilitar unha pasarela peonil, que iría ancorada ao Malecón e cun ancho de 2,5 metros para o paso dos peóns”, apunta Freire Abeijón.

Finalmente, entre os outros temas tratados, Santiago Freire trasladoulle ao presidente a boa marcha das obras de rehabilitación do Casino, agradecendo a colaboración da Xunta de Galicia e aproveitando para solicitar a súa colaboración para dotar a este inmoble do equipamento necesario.